sábado, 20 de febrero de 2010

As Frustracións

En moitas ocasións escoitamos que vivimos nunha sociedade frustrante. Non vou negar que algunhas veces, existen situacións alleas a nós que nos impiden lograr aquelas metas ou aqueles obxectivos que temos merecido e que por esas circunstancias non acadamos. Pero outras vivimos nun continuo engano. Somos nós os que pensamos que a sociedade ou o outro nos “debe” algo que cremos que merecemos e iso lévanos irremediablemente á frustración.

Por frustración entendo ese estado conflictivo no que se atopa aquela persoa que non obtén o premio ou a recompensa – material ou cualitativa – que cre que lle pertence dun xeito obxectivo polos seus méritos, capacidade ou calidades ou que pola contrarecibe un castigo que considera inmerecido.

Pode ser real, xa que en determinadas ocasións, sobre todo neste mundo tan competitivo que temos feito, a sociedade non premia, se é que ten que facelo, a quen máis o merece ou a quen simplemente o merece, senón a aquel que é capaz de ter arredor de si un “lobby” que ensalza de continuo as súas “bondades” ou sabe presentalas en oropel, cando en realidade son bagatelas.

Pero pode ser causada dun xeito ficticio porque en moitas ocasións non sabemos ser bos xuíces dos nosos actos e cremos que valemos e merecemos máis que os outros e por iso necesitamos e queremos unha recompensa que a sociedade supostamente nos debe. Digo sociedade dun xeito xenérico xa que pode estar representada por persoas individuais ou colectivos particulares dentro desa sociedade.

A frustración, a maioría das veces, xera agresividade, que non ten porque ser física e tampouco ir dirixida dun xeito directo a aquela causa ou persoa que consideramos ser a culpable do noso estado. Moitas veces transfórmase nunha agresividade meramente verbal, por exemplo nun insulto, dirixido, como dicía, non contra do que consideramos o causante real da nosa situación, senón “contra o mundo mundial”. Moitas das autodestrucións teñen que ver coa frustración.

Unha forma desa agresividade verbal, falada ou escrita, ampárase en certa ironía. Os gregos dicían que a ironía era un legado dos deuses e Sócrates foi un usuario exitoso dela xa que forma parte do seu método. Estámonos a referir a esa frustración constante do que cre que ten dereito a ferir a diestro e a siniestro – sobre todo a siniestro- porque se considera que é a verdade e a verdade é el. Porque non analizamos as nosas frustracións e as súas causas?

2 comentarios:

  1. ael alcalde de lugo, sr don padre puñal o también fray palanganas, dejo a los curas edificar en el solar del seminario de Lugo y entre el y un tal piñeiro y liñares, al 33% de comisión.

    ResponderEliminar